luns, 15 de xuño de 2026

Derradeiras mochilas viaxeiras

Boas, cadrechiñ@s!

Como ben sabedes, o curso está chegando a súa fin, polo que subimos as derradeiras imaxes das mochilas viaxeiras deste curso.

Un saúdo, cadrechiñ@s!

ZOE (1ºEP)

DANIEL E HÉCTOR (3ºEP)

LAURA E CRISTIAN (6ºEP)

martes, 9 de xuño de 2026

Entrevista a Maneiro (Javi Maneiro)

 Boas, cadrechiñ@s!

Hoxe tivemos o pracer de recibir en Radio K a un dos cadrechiños máis ilustres e unha auténtica referencia da música galega actual: nin máis nin menos que Javi Maneiro. Coñecido por ser durante máis de 30 anos o cantante dos míticos Heredeiros da Crus, continúa agora a súa traxectoria musical en solitario baixo o nome de Maneiro.

Durante a súa visita, pasou polos micrófonos de Radio K para compartir connosco os seus recordos da etapa como alumno do noso cole. Falounos de como era cando ocupaba os pupitres de Cadreche, das materias que máis lle gustaban, dos mestres que deixaron pegada nel e de moitas anécdotas daqueles anos. Tamén nos contou como foi o seu camiño ata converterse nun dos artistas máis recoñecidos da música galega, demostrando que con esforzo, ilusión e paixón polos soños é posible chegar moi lonxe.

Pero a relación de Javi co noso centro vai moito máis alá. Ademais de antigo alumno, é tamén o autor de "Cadrechiños", o himno do noso cole, unha canción moi especial que forma parte da nosa identidade e que nos acompaña en moitos dos momentos importantes da vida escolar.

Tras a entrevista, Javi visitou a nosa aula de música, un espazo moi especial que leva o seu nome. Máis tarde, compartiu unha charla con todo o alumnado do centro, na que puidemos coñecer mellor a súa infancia, os seus anos como alumno en Cadreche e moitas das vivencias que marcaron aquela etapa da súa vida. Tamén nos contou divertidas anécdotas da súa época escolar e lembrou con agarimo algúns dos momentos máis especiais vividos no cole. Os nosos cadrechiños e cadrechiñas aproveitaron a ocasión para facerlle numerosas preguntas, ás que respondeu con moita cercanía, simpatía e bo humor.

Como broche de ouro a unha xornada inesquecible, rematamos todos xuntos cantando "Cadrechiños" ao seu carón, nun momento moi especial que quedará gardado na memoria de toda a comunidade educativa. E antes da súa despedida, quixemos agradecerlle a súa visita cun pequeno agasallo: un chaveiro personalizado co seu nome, o logo do noso cole, a nosa querida landra, e unha camiseta de Cadrechiños para que leve sempre un anaquiño de Cadreche con el.

Moitas grazas, Javi, pola túa cercanía, polo teu tempo e por compartir con nós esta experiencia tan especial. As portas de Cadreche estarán sempre abertas para ti, porque esta seguirá sendo a túa casa. 

Entrevista a Javi Maneiro 

  
 

luns, 8 de xuño de 2026

Entrevista a Silvia Folgueira

Boas, cadrechiñ@s!

O alumnado de Polos Creativos, o obradoiro que se desenvolve os venres cada quince días, converteuse nesta ocasión en equipo de radio para entrevistar a Silvia Folgueira Puente, directora do CEP Pilar Maestú Sierra e orientadora do centro desde hai case vinte anos.

Ao longo da conversa, os rapaces e rapazas coñeceron mellor a súa traxectoria, os recordos máis especiais da súa etapa en Cadreche e a súa visión da educación, marcada sempre polo traballo en equipo e a inclusión.

Unha entrevista chea de aprendizaxes, emocións e anécdotas que nos permite descubrir un pouco máis a unha das persoas que máis tempo leva acompañando á comunidade educativa do noso cole.

Agora só queda escoitala! 

 

martes, 2 de xuño de 2026

Excursión a Sálvora

Hoxe, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP de Cadreche desfrutou dunha fantástica excursión á illa de Sálvora, acompañado polas profes Iria, María Coira, Marta, e polos profes Samuel e Álex.

Poucos minutos despois das 10:00 da mañá, saímos do porto da Pobra do Caramiñal rumbo a Sálvora. Durante a travesía tivemos a sorte de observar golfiños, o que fixo o percorrido aínda máis especial.

Unha vez na illa, comezamos a visita descubrindo que Sálvora forma parte dun Parque Nacional marítimo-terrestre e coñecendo tamén as illas que o compoñen. A continuación, contáronnos a lenda da serea de Sálvora e a orixe do apelido Mariño, historias cheas de tradición e misterio. Logo, percorremos distintos puntos da illa, como o lavadoiro ( “whatsapp da época”),  a fonte de Sálvora, da que se dicía que a súa auga axudaba ás mulleres a quedar embarazadas, os hórreos, a aldea e tamén visitamos a escola, á que puidemos entrar, e ver como era un escola de principios do século XX. Ademais, as guías tamén nos contaron a historia do naufraxio do Santa Isabel e das heroínas de Sálvora, un relato moi importante da memoria da illa.

Ás 14:00 horas emprendemos o regreso cara A Pobra, chegando ao porto arredor das 14:45. Sen dúbida, foi un día inesquecible no que aprendemos moitas cousas novas e descubrimos un lugar cheo de historia e natureza.




 
 

martes, 19 de maio de 2026

Letras Galegas 2026

Boas, cadrechiñ@s!

Queremos compartir convosco un podcast sobre Begoña Caamaño realizado polo alumnado de 6ºEP. Nel repasamos a súa vida, a súa traxectoria e a súa relevancia.

Agardamos que vos guste.

Un saúdo, cadrechiñ@s!



mércores, 13 de maio de 2026

Entrevista á profe Marta

Boas, cadrechiñ@s! Benvidos a Radio K!

No programa de hoxe continuamos coa vosa sección preferida e traémosvos unha entrevista moi especial. Nesta ocasión, pasou por Radio K a profe Marta, titora de 5º de Educación Primaria e tamén mestra de Arts, unha materia na que a creatividade e a imaxinación sempre están presentes.

Preparade as orellas, porque en Radio K vén un programa cheo de arte e moitas curiosidades!

Un saúdo, cadrechiñ@s!

venres, 8 de maio de 2026

Máis mochilas viaxeiras!

Boas, cadrechiñ@s!

Compartimos convosco unhas fotos das nosas mochilas viaxeiras, que continúan en pleno funcionamento.

Un saúdo, cadrechiñ@s

XABI, ROI E MARÍA (1ºEP)

ALMA, RAMÓN, NAYMA E CELIA (3ºEP)


ANDREA, PABLO E MARTÍN R (6ºEP)

xoves, 30 de abril de 2026

XII Semana da orientación "160 miradas poden cambiar o mundo".

Boas, cadrechiñ@s!

Hoxe, 30 de abril, en Cadreche vivimos unha xornada moi especial dentro da XII Semana da Orientación, que este ano leva por lema “160 miradas poden cambiar o mundo”. Foi un día cheo de aprendizaxes, convivencia e emocións, no que compartimos experiencias cos máis pequenos das escolas infantís da contorna: a EEI Vilariño, a EEI A Granxa e a EEI Angustia.

Ao longo da mañá, os nosos cadrechiños organizáronse en catro grupos (morado, azul, laranxa e amarelo) para participar en distintos obradoiros polos que foron rotando. Cada un deles estivo centrado nun ámbito diferente, permitindo traballar de maneira dinámica e vivencial aspectos clave do desenvolvemento persoal. 

No primeiro obradoiro, dedicado ao ámbito comunicativo-lingüístico e levado a cabo polas mestras Loreto e Alba Rodríguez, xunto con Inma (nai colaboradora), realizamos actividades como “A mesma imaxe, ideas diferentes” e “Historias con finais diferentes”, nas que puidemos comprobar como unha mesma realidade pode interpretarse de moitas maneiras. Neste espazo inspirámonos na figura de Helen Keller, exemplo de superación e de comunicación máis alá das dificultades. 

No segundo obradoiro, centrado no ámbito socio-emocional e guiado pola profe Silvia, Fernando e Silvia (pais colaboradores), xogamos á “Oca dos insectos”, unha actividade que nos axudou a reflexionar sobre a empatía, o respecto e o traballo en equipo. A figura de referencia foi Jane Goodall, símbolo do coidado da natureza e das relacións entre os seres vivos. 

O terceiro obradoiro, de carácter motor, foi dirixido pola profe Alba e Rosa (nai colaboradora). Nel realizamos un circuíto no que experimentamos diferentes limitacións, fomentando así a conciencia e o respecto pola diversidade. Neste caso, a inspiración veu da man de Stephen Hawking, exemplo de superación e talento. 

Por último, no cuarto obradoiro, “Crea con límites”, coordinado pola profe Judit e María (nai colaboradora), puxemos a proba a nosa creatividade empregando recursos limitados, descubrindo que a imaxinación non ten fronteiras. A figura que nos acompañou foi María Blanchard, artista que soubo transformar as dificultades en arte. 

Os obradoiros desenvolvéronse entre as 10:15 e as 13:25, cunha duración aproximada de media hora cada un. A media mañá fixemos unha pausa para repoñer forzas, compartindo unha deliciosa merenda de empanada e rosca todos xuntos. Ademais, desfrutamos dun recreo moi especial no que os maiores exerceron de anfitrións, ensinándolles aos máis pequenos a nosa famosa Zona 6. Sen dúbida, foi unha xornada inesquecible na que, unha vez máis, demostramos que cada mirada conta… e que, entre todas, podemos cambiar o mundo.

Un saúdo, cadrechiñ@s!







xoves, 23 de abril de 2026

O día do libro

Boas, cadrechiñ@s! 
 
Hoxe, día 23 de abril, celebramos con moita ilusión o Día do Libro no cole de Cadreche. 
 
Para conmemorar esta data tan especial, levamos a cabo un apadriñamento lector, no que o alumnado de 6º, 5º e 4º curso compartiu lecturas cos máis pequenos de 1º, 2º e 3º. A actividade desenvolveuse nun dos nosos recunchos favoritos do centro, a coñecida Zona 6, que se encheu de historias, sorrisos e complicidade. 
 
A xornada continuou cun momento moi especial: os nosos cadrechiños interpretaron unha fermosa canción, dirixidos pola profe Carmela, que puxo a nota musical e emotiva ao día. Para rematar, cada neno e nena recibiu un pequeno agasallo: un marcapáxinas e un exemplar do xornal escolar que elaboramos entre todos, A Voz de Cadreche. 
 
Sen dúbida, foi un día cheo de aprendizaxe, convivencia e amor polos libros, que tanto alumnado como profesorado desfrutamos ao máximo. 
 
Un saúdo, cadrechiñ@s. 

xoves, 16 de abril de 2026

Entrevista ao profe Samuel

Boas, cadrechiñ@s!

Volve unha das vosas seccións preferidas, a de entrevistas as profes. Nesta ocasión, tocoulle ao profe Samuel pasar por Radio K.

Preparade as orellas, porque en Radio K vén un programa cheo de movemento, risas e moita enerxía! Non vos perdades esta entrevista!

Un saúdo, cadrechiñ@s!

Entrevista a Samuel

martes, 14 de abril de 2026

Visita de Eva Mejuto ao noso cole

Boas, cadrechiñ@s!

Hoxe, 14 de abril, tivemos a sorte de recibir no noso cole unha visita moi especial: a escritora de literatura infantil e xuvenil Eva Mejuto. Para a ocasión, o colexio decorouse con gatiñas inspiradas nas obras da nosa convidada.

Ao longo do encontro, os cadrechiños tiveron a oportunidade de conversar con Eva sobre algunhas das súas obras que traballamos este curso, como Dez gatiñas viaxeiras, Keko e Quica e O día que choveron gatos. A curiosidade estaba no aire, e non faltaron preguntas sobre os personaxes, as historias e os segredos que se agochan detrás de cada páxina.

Eva respondeu con moita cercanía a todas as dúbidas e inquietudes do alumnado, explicándonos tamén como atopa a inspiración para crear as súas historias e como é o proceso de escritura dun libro. Foi moi interesante descubrir que as ideas poden xurdir de calquera lugar!

Para rematar, tivemos un momento moi especial no que a autora asinou exemplares dos seus libros, deixando un recordo inesquecible para todos e todas. E xa como broche final, quixemos sorprender a Eva Mejuto cun detalle moi especial: seguindo a tradición de Cadreche, colocamos unha placa co seu nome nun dos estantes da nosa biblioteca.

Grazas, Eva, por visitarnos! Volve cando queiras!

martes, 7 de abril de 2026

Mochilas viaxeiras

 Boas, cadrechiñ@!

Despois das vacacións de Semana Santa continuamos co blog, e deixámosvos unhas fotos das mochilas viaxeiras.

Un saúdo, cadrechiños.

Lucía (1ºEP)

Xiana (3º)

Xabi (6ºEP)




Derradeiras mochilas viaxeiras

Boas, cadrechiñ@s! Como ben sabedes, o curso está chegando a súa fin, polo que subimos as derradeiras imaxes das mochilas viaxeiras deste cu...