Hoxe, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP de Cadreche desfrutou dunha fantástica excursión á illa de Sálvora, acompañado polas profes Iria, María Coira, Marta, e polos profes Samuel e Álex.
Poucos minutos despois das 10:00 da mañá, saímos do porto da Pobra do Caramiñal rumbo a Sálvora. Durante a travesía tivemos a sorte de observar golfiños, o que fixo o percorrido aínda máis especial.
Unha vez na illa, comezamos a visita descubrindo que Sálvora forma parte dun Parque Nacional marítimo-terrestre e coñecendo tamén as illas que o compoñen. A continuación, contáronnos a lenda da serea de Sálvora e a orixe do apelido Mariño, historias cheas de tradición e misterio. Logo, percorremos distintos puntos da illa, como o lavadoiro ( “whatsapp da época”), a fonte de Sálvora, da que se dicía que a súa auga axudaba ás mulleres a quedar embarazadas, os hórreos, a aldea e tamén visitamos a escola, á que puidemos entrar, e ver como era un escola de principios do século XX. Ademais, as guías tamén nos contaron a historia do naufraxio do Santa Isabel e das heroínas de Sálvora, un relato moi importante da memoria da illa.
Ás 14:00 horas emprendemos o regreso cara A Pobra, chegando ao porto arredor das 14:45. Sen dúbida, foi un día inesquecible no que aprendemos moitas cousas novas e descubrimos un lugar cheo de historia e natureza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario