martes, 14 de abril de 2026

Visita de Eva Mejuto ao noso cole

Boas, cadrechiñ@s!

Hoxe, 14 de abril, tivemos a sorte de recibir no noso cole unha visita moi especial: a escritora de literatura infantil e xuvenil Eva Mejuto. Para a ocasión, o colexio decorouse con gatiñas inspiradas nas obras da nosa convidada.

Ao longo do encontro, os cadrechiños tiveron a oportunidade de conversar con Eva sobre algunhas das súas obras que traballamos este curso, como Dez gatiñas viaxeiras, Keko e Quica e O día que choveron gatos. A curiosidade estaba no aire, e non faltaron preguntas sobre os personaxes, as historias e os segredos que se agochan detrás de cada páxina.

Eva respondeu con moita cercanía a todas as dúbidas e inquietudes do alumnado, explicándonos tamén como atopa a inspiración para crear as súas historias e como é o proceso de escritura dun libro. Foi moi interesante descubrir que as ideas poden xurdir de calquera lugar!

Para rematar, tivemos un momento moi especial no que a autora asinou exemplares dos seus libros, deixando un recordo inesquecible para todos e todas. E xa como broche final, quixemos sorprender a Eva Mejuto cun detalle moi especial: seguindo a tradición de Cadreche, colocamos unha placa co seu nome nun dos estantes da nosa biblioteca.

Grazas, Eva, por visitarnos! Volve cando queiras!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Derradeiras mochilas viaxeiras

Boas, cadrechiñ@s! Como ben sabedes, o curso está chegando a súa fin, polo que subimos as derradeiras imaxes das mochilas viaxeiras deste cu...